#16F mobilización: contra o xenocidio financeiro, sinalamos aos responsables e esiximos stop desafiuzamentos, dación en pago retroactiva e aluguer social XA!
Coa entrega das últimas firmas a finais de xaneiro, a ILP pola dación en pago retroactiva, o aluguer social e unha moratoria de desafiuzamentos chega á súa última fase. Tras meses de mobilización nas rúas, as demandas da ILP contan co apoio do 90% da poboación. Non podemos esperar máis: hai vidas en xogo.
O final da ILP é un punto de inflexión. As Plataformas de Afectados pola Hipoteca esgotaron todas as vías democráticas para cambiar unha lei inxusta que prexudica a miles de familias. A dación en pago e o berro de «stop desafiuzamentos» son un clamor popular. Foi a PAH, a cidadanía mobilizada, a que puxo enriba da mesa un problema xestado polas entidades financeiras co beneplácito de gobernos de diferentes signos e cores. Foi a cidadanía a que parou desafiuzamento tras desafiuzamento mentres o goberno do PSOE primeiro e actualmente o do PP rescataban a unha banca culpable dun xenocidio financeiro. Mentres, facían oídos xordos e minimizaban un problema que afecta xa a máis de 400.000 fogares. A solución ao «problema dos desafiuzamentos» está na ILP. Case un millón de firmas entregaranse no Congreso mostrando o apoio de centos de miles de persoas á ILP pola dación en pago retroactiva, o aluguer social e unha moratoria dos desafiuzamentos. Unha ILP que se propón desde aqueles que cada día nos enfrontamos ao problema, desde os que cada día loitamos contra os abusos da banca. Non é unha crise: é unha estafa. É unha estafa á que miles de persoas plantaron cara nestes últimos anos ao berro de «Si que se pode!». Si que se pode, e o día 16 de febreiro saímos á rúa a gritalo xuntos, a esixir a aprobación da ILP, porque coa ILP esgotariamos as escasas vías que existen no Estado para propor un cambio de lei. Unha lei inxusta que desobedecemos na rúa e que ten que cambiarse no Congreso. Pero o 16 non só sairemos a gritar. O 16 demostraremos que non estamos dispostas a quedarnos de brazos cruzados mentres non aproben a ILP, punto por punto. Recollemos centos de miles de firmas, a vontade cidadá está clara. Se o Congreso non responde, farémolo directamente responsable do sufrimento de miles de persoas e alzaremos o ton das nosas accións.
