14M pola Sanidade e o Ensino Público

A Plataforma de Afectadxs pola Hipoteca de Vigo, Tui quere amosar o seu apoio á mobilización impulsada pola Asemblea Universitaria de Vigo en defensa dun ensino público de calidade.

Como Plataforma que defende o dereito universal a unha vivenda digna, entendemos que a educación xoga un papel fundamental nese dereito, pois é imposible que un pobo defenda os seus dereitos se non se dota a si mesmo dunha educación democrática, crítica, e comprometida coa xustiza e a igualdade.

Por iso, polo noso compromiso cos dereitos democráticos, rexeitamos totalmente a LOMCE, a Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa, que fai calquera cousa menos mellorala. A LOMCE é un proxecto de lei que pretende segregar ao alumnado, discriminar as diferentes culturas e idiomas dos pobos que conforman o Estado español, e eliminar calquera posibilidade de pensamento humanista, de crítica persoal, de cooperación, e sobre todo, de crecemento dentro dun sistema educativo comprometido cos valores democráticos.

Tamén rexeitamos de pleno o proceso de privatización e de mercantilización da Universidade, coñecido como Estratexia Universidade 2015. As medidas que conforman esta estratexia buscan eliminar graos, despedir persoal, precarizar os postos de traballo, subir as taxas, todo para que os estudos superiores volvan estar unicamente a disposición da minoría social que dende 1939 leva mandando neste país.

Un pobo instruído sempre será un pobo libre e forte, sempre será un pobo que non deixará esmagar os seus dereitos. Por iso, animamos a secundar a mobilización en defensa da educación deste 14 de marzo.

Tamen nos sumamos o próximo xoves día 14 de marzo, os cidadáns e as cidadás de Vigo temos unha cita moi importante. Unha cita coa sanidade, unha cita cos nosos dereitos, conquistados logo de moitos anos de loita, e hoxe en serio risco pola política desenvolvida polos gobernos do Partido Popular. Porque a actuación dos gobernos dirixidos polo PP vai decididamente dirixida a limitar o alcance dos servizos públicos, a reducir as prestacións da cidadanía, recorrendo a todo tipo de armas de intoxicación da opinión pública e de engano.

O ENSINO ,A SANIDADE NON SE VENDE, DEFÉNDESE!

20130310-032616.jpg

20130310-032631.jpg

Deja un comentario