Nunha Asemblea á que asistiron moitos cidadáns que non se resignan a ver o sufrimento alleo e queren loitar, a PAH tomou importantes acordos coma sempre de xeito consensuado e aberto para rematar asesorando aos afectados un por un.
A Asemblea comezou cuns vídeos nos que lembramos a nosa loita na rúa como movemento cidadán de resistencia ante a pasividade da clase política que sigue sen ser consciente do drama que supón que as familias desafiuzadas sexan expulsadas das súas casas cunha débeda vitalicia co banco que os ata e mata en vida. Repasouse territorialmente o traballo da PAH, onde destaca o excelente apoio que nos brinda o Concello de Salceda (cédenos un local, fainos fotocopias, fixeron un fondo solidario coas pagas extras dos Concelleiros) e a nula colaboración que nos ofrece o Concello de Vigo.
Como ven sendo habitual dado que somos un movemento aberto e transversal onde todos temos voz e no que fomentamos a colaboración e a presenza dos colectivos, interviron os representantes da asociación Ponte Solidario, una ONG de Ponteareas que ofreceu o seu total apoio e a súa capacidade loxística para axudar aos afectados e colaborar coa PAH.
Abriuse unha rolda de palabra para propoñer e determinar novas accións de protesta. Consensuamos que protestaremos ante as entidades bancarias cada semana, alternando os luns e os martes. Pretendemos ter máis presenza na rúa, que se nos vea e escoite e incomodar a quen intimida e acosa aos afectados con chamadas inoportunas e ameazantes. Comezaremos este martes día 11 no cruce dos 4 bancos de Colón e despois do acto (sobre as 14 horas) iremos aos Xulgados de Vigo (rúa Lalín) a presentar un escrito no que pedimos a obxección de conciencia dos xuíces nos casos de desafiuzamento. Para que o acto sexa efectivo e teña a difusión desexada pedimos a TODOS OS CIDADÁNS, AFECTADOS, ACTIVISTAS e SIMPATIZAN
TES coa causa da vivenda que veñan con nós para visualizar que a nosa petición está amparada pola sociedade e que é unha petición desesperada para frear o drama dos desafiuzamentos que para tantas familias supoñen perder todo, contraer unha débeda vitalicia e morir en vida atados a un banco.
Dende a PAH queremos agradecer a presenza dos asistentes, animar aos afectados (que comproban que cada vez están máis acompañados) e lanzar unha mensaxe de loita e non resignación á cidadanía, pois nas nosas mans está seguir sendo escravos dos bancos ou ser cidadáns libres e dignos.
XUNTOS, PODEMOS!!!