Unha familia da Garda, ameazada co desahucio, asinou a documentación pola cal unha entidade bancaria acepta a dación en pago da súa vivenda e establece un aluguer social de 150 euros, incluídos os gastos de comunidade.
A familia está formada por un matrimonio que está en paro, un fillo de 14 anos, unha filla de 5 anos e a avóa de 68 anos.
Os ingresos da familia non chegan aos 400 euros, polo que desde o pasado mes de xaneiro non pagaban a hipoteca.
É de resaltar que a familia conseguiu a dación en pago asumindo a entidade adquiriente as débedas que acumulaba tanto coa comunidade de propietarios, como co Concello da Garda, polo impago do IBI do último ano e un embargo ordenado polo xulgado do Social de Vigo, e que é posterior á hipoteca.
A xestión da Plataforma de Afectados por Hipoteca (PAH) de Vigo foi determinante para resolver a situación, con negociación intensa que finalizou onte mesmo, ao chegar a un acordo e facerse efectiva a firma de toda a documentación.
