EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A economía galega dos últimos anos estivo estreitamente ligada á construción de vivendas e ao impulso da propiedade privada como principal réxime de tenencia. Para alcanzar este obxectivo, as entidades bancarias, estimuladas pola ausencia de controis públicos, incentivaron a concesión abusiva de créditos hipotecarios. O estancamento dos salarios, o vertixinoso aumento do prezo da vivenda, a ausencia de vivendas de aluguer, uns tipos de xuro en mínimos históricos, e asemade unha deficiente supervisión por parte do Banco de España, recoñecida pola propia Comisión Europea, empuxaron a decenas de miles de familias a endebedarse. Para poder acceder a unha vivenda as familias contraeron hipotecas de ata 40 anos comprometendo en moitos casos máis do 50% dos seus ingresos. En moitas ocasións, ademais, as hipotecas concedéronse por un importe superior ao 80% do valor de taxación, o que supuxo unha exposición desmesurada ao risco. Como resultado desta situación a principal causa de endebedamento das familias en Galicia foi o crédito hipotecario.
O artigo 25 da Declaración Universal de Dereitos Humanos establece que «toda persoa ten dereito a un nivel de vida adecuado que lle asegure, así como á súa familia, a saúde e o benestar, e en especial a alimentación, o vestido, a vivenda, a asistencia médica e os servizos sociais necesarios; ten así mesmo dereito aos seguros en caso de desemprego, enfermidade, invalidez, viuvidade e outros casos de perda dos seus medios de subsistencia por circunstancias independentes da súa vontade».
A estes efectos, o artigo 47 da Constitución Española establece que «todos os españois teñen dereito a gozar dunha vivenda digna e adecuada». Igualmente, exhorta aos poderes públicos a promover as condicións necesarias e establecer as normas pertinentes para facer efectivo este dereito, regulando a utilización do solo de acordo co interese xeral, para impedir a especulación. O Estatuto de Autonomía de Galicia, no seu Título II, Capítulo I, artigo 27. 3, di que corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de Ordenación do territorio e do litoral, urbanismo e vivenda. En cumprimento desta competencia, promulgáronse as Leis 18/2008, de 29 de decembro e a Lei 8/2012, de 29 de xuño. Ningunha de ambas as dúas normas supuxo un avance substancial na delimitación de tal dereito e dos deberes que incumben aos</stron
O artigo 33 da Constitución consagra o dereito á propiedade privada, establecendo que se trata dun dereito cuxo contido vén delimitado pola súa «función social», que é básica para a xeneralización dos dereitos sociais. A Constitución non tutela, xa que logo, usos «anti-sociais» do dereito de propiedade. Este principio debe vincularse coa previsión do propio artigo 128 da Carta Magna, segundo o cal «toda a riqueza do país nas súas distintas formas e, sexa cal for a súa titularidade, está subordinada ao interese xeral», e co artigo 40 que establece que «os poderes públicos promoverán as condicións favorables para o progreso social e económico e para unha distribución da renda rexional e persoal máis equitativa».
A función social da vivenda configura o contido esencial do dereito mediante a posibilidade de impoñer deberes positivos ao seu titular que aseguren o seu uso efectivo para fins residencias, entendendo que a fixación de devandito contido esencial non pode facerse desde a exclusiva consideración subxectiva do dereito ou dos intereses individuais. A función social da vivenda, en suma, non é un límite externo á súa definición ou ao seu exercicio, senón unha parte integrante do dereito mesmo.
