Desde Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra queremos facervos chegar o informe «Emerxencia habitacional no estado español: a crise das execucións hipotecarias e os desaloxos desde unha perspectiva de dereitos humanos» con datos inéditos sobre as execucións hipotecarias. O «Informe» está elaborado polo Observatorio DESC [*], en colaboración coa Plataforma de Afectados pola Hipoteca de Barcelona (PAH) e que foi presentado o pasado martes, 17 de Decembro de 2013.
Este informe publicado este mes de Decembro de 2013, mostra o resultado das 11.561 enquisas realizadas a persoas afectadas que contactaron coas PAHs durante os últimos dous anos, e «é o primeiro informe de ámbito estatal que recolle os datos de como afectan as execucións hipotecarias á saúde, ou cales son as entidades que máis executan».
Este informe analiza a situación de emerxencia habitacional que existe no conxunto do territorio baixo a administración do Estado Español desde unha perspectiva de dereitos humanos. «En concreto, estúdase a regulación das execucións hipotecarias e dos desafiuzamentos a partir dos compromisos xurídicos adquiridos polas administracións públicas e o impacto concreto que supón esta problemática para as familias afectadas».
«O estudo analiza, en primeiro término, a función do dereito a unha vivenda digna e da prohibición de desafiuzamentos arbitrarios no sistema constitucional español, no dereito internacional dos dereitos humanos e á Unión Europea. En segundo lugar, ofrece datos sobre o comportamento das entidades financeiras e sobre o impacto da problemática nas familias a partir de 11.561 enquisas realizadas. Nun terceiro capítulo, para visibilizar as consecuencias na vida concreta das persoas, o informe incorpora catro entrevistas en profundidade a persoas afectadas. O informe conclúe cun breve capítulo de conclusións e recomendacións dirixidas aos poderes públicos».
A Plataforma de Afectados pola Hipoteca e o Observatorio DESC foron das primeiras entidades que, xa en febreiro do 2009, alertaron da gravidade da problemática. Desde entón levan denunciando reiteradamente a carencia de datos oficiais que permitan entender o alcance da vulneración de dereitos fundamentais que supón a lexislación española en materia de vivenda. Así mesmo, esta carencia de información tamén imposibilita orientar axeitadamente as políticas públicas. É por iso que as dúas entidades fixeron un grande esforzo para recoller datos estatísticos.
Artigo dos nosos comphas de Ferrol
Descarga :
http://afectadosporlahipoteca.com/wp-content/uploads/2013/12/2013-Informe_habtitatge-17Dic.pdfhttp://afectadosporlahipoteca.com/wp-content/uploads/2013/12/2013-Informe_habtitatge-17Dic.pdf
