No ano 2014 a taxa de risco de pobreza de Galicia diminuíu 0,16 puntos ata acadar o 16,41%. Esta taxa calcúlase como a porcentaxe de persoas cun ingreso equivalente inferior ao limiar de risco de pobreza, que se establece no 60% da mediana de ingresos equivalentes. Ao tomar ingresos equivalentes1 corríxese o efecto que produce o número de persoas do fogar no volume de ingresos. Para calcular as unidades de consumo asígnase un 1 ao primeiro adulto do fogar, 0,5 ao resto de adultos (persoas de 14 ou máis anos dese fogar) e 0,3 a cada neno do fogar (menores de 14 anos).
O limiar depende, polo tanto, do número de persoas que compoñen o fogar, así como da idade desas persoas. Para un fogar unipersoal o limiar en 2014 é de 599,67 euros/mes, mentres que para un fogar composto por dous adultos (1,5 unidades de consumo) o limiar é de 899,51 euros/mes (1,5*599,67).
Por provincias, a taxa máis alta corresponde a Pontevedra (19,8%) e a máis baixa é A Coruña (13,66%). Con respecto ao ano 2013, aumenta a taxa de risco en todas as provincias, agás na Coruña. En Ourense aumenta 0,85 puntos, en Lugo 1,02 puntos, e en Pontevedra 1,35 puntos. Porén, na Coruña diminúe 2,09 puntos.

En 2014 a porcentaxe de fogares galegos que chegan con facilidade ou moita facilidade a fin de mes diminúe 0,89 puntos, ata o 42,13%. A porcentaxe dos que chegan con dificultade aumenta 0,62 puntos, mentres que a porcentaxe de fogares que chegan con moita dificultade aumenta 0,26 puntos ata situarse no 12,98%.
