175 Vivendas en Vigo para a SAREB :Comunicado prensa

175 Vivendas para a SAREB ;Unha oportunidade perdida

Fai tan só uns días, puidemos ler nun xornal local que a SAREB poderíase quedar coa titularidade de dous edificios de vivendas que saíron a poxa, e que podería facelo pola metade do valor da débeda, que é duns 44 millóns de euros. Trátase de 25 vivendas en Gran Vía e 150 vivendas en rúa Aragón. Dunha destas vivendas foi desafiuzada unha familia con fillos.

Como ocorre con todas as noticias relacionadas coa vivenda, o lector pasa páxina. Estamos bombardeados por noticias sobre a burbulla do aluguer, os desafiuzamentos, as hipotecas abusivas, a precariedade, os fondos voitre, o abuso do caseiros…

Pero para a PAH VIGO TUI BAIXOMIÑO isto non é máis que a constatación do deixamento das distintas administracións á hora de abordar o tema da vivenda.

Esta plataforma veu loitando, desde hai moitos anos, para que tanto Xunta como Concello de Vigo freen a onda de desafiuzamentos que, desde o inicio da crise, viñéronse sucedendo. Non están polo labor. Tamén cambian de páxina cando hai unha noticia deste tipo. Bo, en realidade, xa se trata alguén de filtralas.

Ao rexedor vigués interesáballe máis facer caixa cos pisos de Rosalía Castro, propiedade do Concello, que utilizalos como vivendas sociais. Pola súa banda, a Xunta non quixo negociar cos bancos a cesión das vivendas baleiras (nin negociar, nin lexislar) para vivendas sociais. Soamente plans de vivendas baleiras, que resultaron ser plans baleiros de contido.

Cando se van a decidir a frear a crise da vivenda? Porque ao que estamos a asistir é a unha verdadeira crise social e humanitaria. Desafiuzamentos e desterros. Esta sería unha magnífica ocasión. Non pagamos o rescate bancario? Pois a SAREB é nosa.

Cando van obrigar a que se cumpra o artigo 47 da Constitución que tanto defenden? Cando van obrigarse eles mesmos?

A resposta é, témolo claro, NUNCA.

Por un parque de aluguer de vivendas sociais. Por un control verdadeiro do prezo do aluguer. Por unha lei que prohiba a venda a fondos voitre. Non máis desafiuzamentos.

Isto é polo que seguimos loitando. É a esencia da PAH.

Deja un comentario