Manifesto Sindicato de Inquilinas de Vigo – Tui – Baixo Miño

Tanto en Vigo como na súa área metropolitana os prezos do alugueiro alcanzaron máximos históricos. En 2023 o prezo dos alugueiros situouse en 9,4 euros por metro cadrado en Vigo, apreciándose un incremento anual do 4,8%, mentres que na Comunidade Autónoma de Galicia a subida foi de 2,8 % no primeiro trimestre do 2023.  Isto, sumado aos baixos salarios medios da poboación (case o 50% da poboación viguesa cobra menos de 1.000€), provoca unha auténtica situación de emerxencia para quen non temos unha vivenda en propiedade. A elevada demanda, a escaseza e a carestía da oferta, así como as garantías que se esixen fan que atopar un alugueiro sexa cada vez máis difícil. E tamén resulta moi difícil seguir pagando un alugueiro: cada vez dedicámoslle unha maior porcentaxe do noso salario, mentres os prezos non deixan de subir. Ademais hai outros efectos indirectos: a expulsión das veciñanzas tradicionais cara á periferia, o elevado número de desafiuzamentos por falta de pagamento da renda e a exclusión do mercado do alugueiro dos sectores máis desfavorecidos, que vense empuxados cara a solucións habitacionaisnon formais.

As causas deste fenómeno son estruturais. O Estado profundou a súa intención liberalizadora e flexibilizadora nas últimas modificacións normativas (desafiuzamento express en 2008, reforma da Lei de Arrendamentos Urbanos en 2013…) e priorizouse a vivenda libre e a compravenda fronte ao alugueiro, faltan políticas destinadas a facilitar o alugueiro (axudas sociais, vivenda social) e, en definitiva, a propiedade privada e o libre mercado prevalecen sobre os dereitos das inquilinas.

Pero ademais destas causas estruturais, existen outras, conxunturais, que levaron á conformación dunha segunda burbulla inmobiliaria. Pola súa crecente rendibilidade, o mercado do alugueiro converteuse na nova aposta do maltreito sector inmobiliario e pretende erixirse nun novo motor de crecemento da economía española. Ademais, a proliferación de alugueiros turísticos a través de plataformas mal chamadas “colaborativas” como Airbnb ocasiona incrementos no prezo das vivendas, cuxos propietarios prefiren alugar durante períodos máis curtos a un prezo máis caro. Deste xeito, o dereito á vivenda queda subordinado fronte ao beneficio dos fondos voitre, fondos de investimento, bancos, empresas, promotores e especuladores.

Ante esta situación, dixemos basta e decidimos autoorganizarnos para dar unha resposta colectiva. Reivindicando a fecunda tradición das loitas polo alugueiro a principios do século XX e as actuais loitas de afectadas pola hipoteca e polo dereito á cidade, decidimos crear un Sindicato de Inquilinas e Inquilinos. Hoxe, aquí, comezamos o proceso de construción dunha ferramenta coa que loitar polos nosos dereitos: os dereitos do inquilinato. O pasado ensínanos que só a través da loita, a organización e o apoio mutuo é posible reverter o enorme desequilibrio de poder que hai entre inquilinato e propietarios. Estamos convencidas de que este Sindicato é o contrapeso a ese desequilibrio de poder.

Por todo isto, facemos un chamamento e un convite a todas as persoas de Vigo, Tui, Baixo Miño e toda a área metropolitana de Vigo e arredores para que se incorporen a este camiño cara á creación dun poderoso Sindicato de Inquilinas: para poder vivir nos nosos barrios con garantías e dereitos, para demostrar unha vez máis que a unión fai a forza.

Sindicato de Inquilinas Vigo – Tui – Baixo Miño, setembro de 2023

As nosas demandas

* Estabilidade do alugueiro.

* Regulación dos prezos.

* Fin dos desafiuzamentos.

* Mobilización das vivendas baleiras.

* Aumento do parque de vivenda pública en réxime de alugueiro.

* Eliminación do réxime especial tributario das SOCIMI.

* Gastos derivados do alugueiro asumidos polo arrendador e terminar cos abusos dos intermediarios.

* Erradicación da pobreza enerxética.

* Limitación das vivendas de uso turístico.

* Loita polo dereito á vivenda.

Deja un comentario