
¡A VIVENDA É UN DEREITO, NON UN NEGOCIO! Con este lema, hoxe estamos eiquí para denunciar unha vez máis, como a codicia e a especulación prevalece sobre un dereito fundamental como é ter acceso a unha vivenda digna, estable e asumible.
Si, xa esta aquí. O conflito que ollamos crecer en grandes cidades do Estado como Madrid e Barcelona, ou en cidades turísticas como Mallorca, Málaga e Granada, xa chegou a Vigo.
O coste de aluguer unha vivenda non deixa de subir, ata un 54% nos últimos dez anos. Dende un prezo medio de 662€ por un estudio ata os 1.074€ por un piso de tres habitacións. Dise que a falta de oferta é a principal causa. Incluso a patronal inmobiliaria o di, aínda que para reclamar unha maior liberalización do mercado e comezar cun novo ciclo de construción, como xa ocorreu hai máis de 60 anos.
Pero ¿acaso non hai vivenda construída suficiente? En Vigo temos máis de 20.000 vivendas baleiras, moitas delas polos milleiros de desafiuzamentos e despoxos froito da última crise inmobiliaria e da política do medo á ocupación e os impagos, que dende hai uns anos practican determinados partidos políticos, empresas e medios de comunicación.
Tamén temos preto de 2.000 ofertas de vivendas de uso turístico regrado, o que habería que sumarlle as que non están, por pouco máis de 350 ofertas de alugueiro convencional. As vivendas de uso turístico non só reducen a oferta, tamén contribúen á subida dos prezos da vivenda en aluguer. Ao que hai que sumar a destrutiva dinámica de baleirar os nosos barrios, substituíndo á veciñanza que dota de vida ás parroquias, por turistas que as consumen nos dous días de media que permanecen na cidade.
Polo tanto, hai vivenda construída suficiente. Non é cuestión de facer máis vivenda, senón de mobilizar a que xa hai para abastecer a todas as persoas e familias que precisan alugar, de maneira que se rompa a tendencia ó baleiramento social e se poida vivir dignamente nos barrios.
O que non hai é un parque de vivenda público que facilite a vida en aluguer. Con unha lista de máis de 5.500 demandantes de vivenda pública, esta supón o 2,5% de toda a construída no concello de Vigo, polo 20% que se establece como obxectivo na Lei de Vivenda e o 30% de media que prevalece en Europa.
A Lei de Vivenda non só se queda corta en moitos aspectos, senón que queda moi lonxe do seu obxectivo de protexer ás inquilinas e inquilinos. A regulación dos alugueres non se está levando a cabo por falta de vontade política. Aínda que en Vigo están detectadas 15 zonas tensionadas polos prezos de aluguer, o Concello négase a solicitar a declaración necesaria para poder controlar os prezos das vivendas. E a Xunta négase a aplicar a lei estatal de vivenda.
Agora a clase política está dando mostra novamente da súa falta de interese en solucionar o problema da vivenda, tirado abaixo no Congreso a posibilidade de dar unha maior seguridade xurídica ós contratos de tempada. Un tipo de contrato ao que se están aferrando moitos propietarios para reducir os dereitos de inquilinas e inquilinos.
Finalmente, tampouco podemos esquecer os abusos que con máis frecuencia se dan no acceso á vivenda de aluguer. Dende a esixencia de máis garantías (como ter que pagar o seguro de impago de aluguer, ademais de pedir avais persoais ou bancarios) e nóminas altas, ata cláusulas abusivas nos contratos ou a discriminación no acceso a vivenda que afecta, especialmente, a persoas migrantes, familias con crianzas ou mascotas, entre outros.
Por todo isto estamos hoxe eiquí. Para berrar ben forte que non imos parar ata conseguir que a vivenda sexa realmente un dereito e non un negocio. Hai que deixar de prometer e actuar xa. Son precisas solucións que pasen por:
• Declarar as zonas tensionadas para regular ós prezos de aluguer.
• Buscar fórmulas para mobilizar a vivenda baleira e poñela en aluguer asumible.
• Frear ás vivendas de uso turístico, cunha moratoria de licencias, unha regulación máis estrita e poñer fin o mercado negro de vivendas turísticas.
• Dar maior seguridade xurídica, regulando os contratos de tempada.
• Perseguir os abusos en forma de cláusulas abusivas nos contratos.
• Loitar contra toda discriminación no acceso a vivenda.
• Avanzar cara un parque de vivenda público que de solución á demanda existente.
• Apostar pola rehabilitación, en lugar de construír vivendas de forma masiva.
Porque a vivenda non é un negocio, nin un produto có que especular. A vivenda é un dereito e unha necesidade vital. ¡¡Defendámola!!
¡¡POR UNHA VIVENDA DIGNA, ESTABLE E ASUMIBLE!!
SINDICATOInquilinas Vigo Tui