Tres anos de cadea por facer un piquete: As 6 da Suíza non están soas

En 2021, seis compañeiras participaron nun piquete informativo fronte ao restaurante “La Suiza” de Xixón, denunciando a vulneración de dereitos laborais que sufría unha traballadora. A acción fora convocada pola CNT-AIT de Xixón, en apoio a esta camareira que reclamaba salarios impagados, xornadas abusivas e o recoñecemento do seu contrato laboral. En vez de recibir xustiza, foi despedida e represaliada.

A resposta sindical foi a de sempre: solidariedade, visibilidade e loita pacífica. Un piquete é unha ferramenta lexítima da clase traballadora, recoñecida como parte do dereito á folga e á acción sindical. Mais neste caso, o Estado e a patronal puxéronse de acordo para lanzar unha mensaxe de medo: as seis activistas foron denunciadas por “coaccións” e “ameazas”, e agora a Audiencia Provincial d’Asturies pretende condenalas a tres anos de prisión.

A criminalización da protesta non é nova. Sabémolo ben desde os sindicatos de vivenda e inquilinato, onde tamén se nos acusa de “coaccións” por impedir desafiuzamentos ou reclamar o dereito a vivir con dignidade. Este ataque contra As 6 da Suíza é parte dunha ofensiva máis ampla contra quen se organiza, contra quen non cala, contra quen loita polos dereitos de todas.

Estamos ante unha inxustiza brutal: tres anos de cadea por exercer un dereito fundamental, mentres corruptos, evasores e maltratadores pasean impunes. Castígase a solidariedade e prémianse a explotación e a cobiza.

Desde o Sindicato de Inquilinas e de Vivenda Vigo-Tui queremos manifestar o noso apoio incondicional ás compañeiras. Non están soas. A súa loita tamén é a nosa.

Porque se tocan a unha, tócanas a todas.

#As6daSuiza

#LoitaNonÉDelito

Deja un comentario