
Desde o Sindicato de Inquilinas de Vigo-Tui-Baixo Miño queremos denunciar publicamente os episodios de violencia e acoso xenófobo ocorridos recentemente en Torre Pacheco (Murcia). Esta vez foi alí, pero podería ser en calquera outro lugar do Estado. Non son feitos illados, senón expresións dun racismo estrutural alentado por discursos políticos e mediáticos que levan anos sementando odio e medo contra a poboación migrante.
Os ataques non van só contra unha persoa ou unha familia concreta, senón contra toda unha comunidade. Os inmigrantes son sinalados, perseguidos e criminalizados polo mero feito de existir. Mentres tanto, os culpables da pobreza, da exclusión e da precariedade —os mesmos que especulan coa vivenda e rebaixan salarios— seguen ben protexidos detrás de muros, policías e leis a medida.
Porque non é a inmigración quen xera delincuencia. O que xera delincuencia é a marxinación, a falta de oportunidades, a precariedade imposta, a falta de dereitos. Conseguir unha vida digna esixe moitas condicións: un emprego decente, un salario decente, unha vivenda decente, uns papeis en regra e un barrio que te recoñeza como igual. Nada diso depende do inmigrante. E moitas veces, todo iso parece incompatible coa súa condición de persoa migrante neste Estado.
É un sistema desigual o que produce exclusión, non as persoas que foxen da fame, da guerra ou do cambio climático. A súa chegada non é un problema. O problema é como se lles recibe.
Mentres tanto, nas urbanizacións costeiras de Andalucía, Valencia, Murcia, Baleares ou Canarias, viven —de forma estable— máis dun millón de europeos xubilados: británicos, alemáns, holandeses… Son turistas residentes, inmigrantes tamén. Pero ninguén os ve como un problema. Ao contrario: celébrase a súa chegada, facilítase a súa regularización e mesmo se lles permite votar nas eleccións locais. Consumen recursos sanitarios e de infraestruturas públicos, moito máis caros que os que se ofrecen a traballadores migrantes precarios. Pero iso non se cuestiona.
Por iso, non é a inmigración o que está en debate. É o racismo de clase, o racismo institucional, o racismo político.
E se hai responsables con nome e apelidos son Vox e tamén o Partido Popular, que promoven discursos de odio, lexitiman a exclusión e criminalizan aos máis vulnerables. Son eles quen acenden o lume, e logo din que só viñeron apagar o incendio. Pero xa non nos enganan. A súa política é a do medo, a da exclusión, a do fascismo con corbata.
Desde o Sindicato de Inquilinas Vigo-Tui-Baixo Miño dicímolo alto e claro:
Todo o noso apoio ás persoas migrantes acosadas en Torre Pacheco.
Nin racismo, nin xenofobia: vivenda digna e dereitos para todas.
Se tocan a unha, respondemos todas.
Acude o martes dia 22 JULIO – 19H | PZA. DEL MIGRANTE AV. CASTELAO, VIGO