
Desde a Plataforma Cívica de Vigo pro Palestina queremos manifestar o noso total apoio e solidariedade coa iniciativa internacional Flotilla Sumud Global, impulsada polo Movemento Global para Gaza (GMTG), que partirá do Estado español o vindeiro 31 de agosto de 2025. Esta acción civil internacional, construída a partir do chamado das organizacións palestinas, ten como obxectivo rachar co criminal bloqueo marítimo a Gaza, visibilizar o xenocidio en curso, e abrir un corredor humanitario ante a inacción cómplice dos gobernos e institucións internacionais. Reunindo delegacións de máis de 44 países, a Flotilla Sumud constitúe un acto de desobediencia civil global e unha acción concreta de solidariedade internacionalista que pon o corpo, a voz e as vontades de milleiros de persoas e organizacións ao servizo da liberdade do pobo palestino. Desde Vigo, adherímonos á convocatoria impulsada polos compañeiros e compañeiras de GMTGGaliza, e chamamos ás entidades sociais, sindicais e políticas da nosa contorna a participar nas concentracións previstas para o 30 de agosto, Reafirmamos a nosa convicción de que a unidade na loita solidaria e a acción descentralizada nos territorios son ferramentas imprescindíbeis fronte á barbarie colonial sionista, e reafirmamos o noso compromiso activo con todas as iniciativas que, como esta flotilla, contribúen a manter os ollos abertos sobre Gaza e Cisxordania. Porque non hai paz sen xustiza. Porque o silencio mata. Porque Palestina vive nas nosas loitas. Desde Vigo até Gaza, sumámonos á flotilla da dignidade. Plataforma Cívica de Vigo pro Palestina1 Vigo, agosto de 2025
1Comisión Cidadá pro Palestina, CC.OO., UGT, Esquerda Unida, Podemos, Movemento Sumar Galicia, Recortes Cero, Alianza Verde, Amnistía Internacional, Asociación Cidadá Fernando Hoyos, Amigas da Terra, Parroquia Cristo da Vitoria, Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública, Foro Cívico, Colectivo Cultural Pertenza, Diem25, Un Mundo sen Guerras e sen Violencia, MODEPEN, Foro Socioeducativo Os Ninguéns, Verdes-Equo, Ollo do Furacán, Colectivo Rexurdir, Distopías 18, Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde, Sindicato de Inquilinas.