O alugueiro converteuse hoxe en España nun dos principais mecanismos de empobrecemento da poboación e motor da desigualdade social. Mentres os prezos das rendas subiron un 77% na última década, os ingresos dos fogares apenas medraron un 33% . É dicir: os alugueiros soben dúas veces e media máis rápido que os salarios.
Este abismo deu lugar a unha fractura social cada vez máis fonda: a chamada xeración inquilina, que malvive pagando boa parte dos seus ingresos en alugueiro, fronte á xeración casera, que acumula propiedades e extrae rendas crecientes. Hoxe, preto do 20% dos fogares vive de alugueiro, e un 9,5% de fogares actúa como arrendadores . É unha transferencia de riqueza en toda regra: os que menos teñen financian, cada mes, a acumulación patrimonial dos que máis teñen.
Inmobiliarias: a “garda pretoriana” do negocio
Un dos datos máis contundentes que achega Palomera é o papel das inmobiliarias. Longe de profesionalizar o sector, funcionan como unha auténtica “garda pretoriana” que blinda os intereses dos caseros e impide un trato directo e honesto entre quen aluga e quen precisa un fogar.
• En Barcelona, están presentes no 75% dos alugueiros; en Madrid, no 34%, pero subindo con forza .
• Onde interveñen, a experiencia das inquilinas é peor: máis conflitos, máis subas abusivas, máis discriminación no acceso.
• O 63% das persoas que tratan con inmobiliarias non está satisfeita coa súa vivenda, fronte ao 51% das que tratan directamente co propietario.
• Os inquilinos con inmobiliaria sofren máis subas: un 68,8% en Barcelona, fronte ao 45,7% dos que teñen trato directo .
• Ademais, estenden prácticas abusivas como o cobro ilegal de comisións, malia que a Lei de Vivenda de 2023 o prohibe.
As inmobiliarias non son un servizo neutral: son un muro que garante que cada contrato sexa un negocio redondo para caseros e portais, e un pozo de inseguridade para as familias.
A imposibilidade do soño da propiedade
Outro mito que caeu é o de que a maioría acabará comprando ou herdando unha vivenda.
• O 70% dos inquilinos de Madrid e Barcelona non espera herdar nunca unha casa .
• A maioría tampouco cre que poida comprar: compiten contra investidores e multipropietarios que mercan ao contado (ata o 60% das operacións), moitas veces dende o estranxeiro.
• Os grandes propietarios —aqueles con máis de 10 vivendas— aumentaron un 20% na última década.
En resumo: a propiedade concéntrase cada vez máis, e a maioría social queda atrapada no alugueiro perpetuo, sen saída posible.
Desigualdade estrutural
Os datos son demoledores:
• A renda media dos fogares inquilinos é de 22.183 € anuais.
• A dos fogares caseros acada 46.725 € anuais, máis do dobre .
• Mesmo sen contar as rendas do alugueiro, os caseros xa son o grupo de maior renda do Estado.
Isto significa que o alugueiro é un mecanismo de transferencia regresiva: dos que menos teñen cara aos que máis acumulan. Un auténtico imposto á pobreza, privatizado e legalizado.
Que facer?
As propostas están enriba da mesa, e tanto o informe do IDRA como Palomera son claros:
1. Contratos indefinidos por defecto, como no resto de Europa.
2. Regulación real de prezos, vinculada ás rendas dispoñibles, con sancións efectivas.
3. Frear a acumulación de vivenda: impostos progresivos a grandes patrimonios, limitación da compra a non residentes e uso social da vivenda da SAREB.
4. Acabar co poder das inmobiliarias, que funcionan como intermediarios parásitos.
Conclusión
En España, vivir de alugueiro é vivir sometido a unha lóxica de espolio legalizada. O alugueiro non é só un mercado: é unha máquina de desigualdade social. E no seu corazón están as inmobiliarias, esa “garda pretoriana” que defende con uñas e dentes o beneficio dos caseros fronte ao dereito das maiorías.
Recuperar a vivenda como dereito implica desfacer esta alianza entre caseros, inmobiliarias e portais. Non é un problema técnico, senón político: decidir se seguimos permitindo que o fogar sexa un negocio para uns poucos, ou se o recoñecemos dunha vez como o que é: un dereito humano fundamental.
Únete o SindicatoInquilinasVigoTui_BM
A.Telmo