Autor: Sindicato Inquilinas e Vivenda

A clase rendista e o desafío da vivenda: luces e sombras da proposta de SUMAR

A.T

En España, arredor do 40 % dos fogares que viven de alugueiro destinan máis do 40 % dos seus ingresos á vivenda, segundo o Banco de España. Dous de cada cinco inquilinos están en risco de pobreza ou exclusión social, de acordo coa EAPN. Mentres tanto, o prezo medio da vivenda subiu un 40 % dende 2014 e seis de cada dez compras recentes fixéronse ao contado, sinal evidente de que o mercado está dominado polo capital e non pola xente común.

Non é, pois, un problema de oferta ou de “exceso de demanda”, como repiten as inmobiliarias, senón dun modelo económico baseado no rentismo, que extrae riqueza da necesidade elemental de ter un teito. Fondos voitre, grandes tenedores e empresas sen escrúpulos consolidaron unha auténtica clase extractiva, que vive de apropiarse da renda das familias mentres apenas contribúe ao ben común.

Fronte a isto, SUMAR presentou unha batería de medidas que, sobre o papel, buscan atacar o corazón do problema: a especulación e a concentración da propiedade.

🧾 Fiscalidade e límites á especulación

O plan propón que quen posúa catro ou máis vivendas pague un 5 % anual sobre o seu patrimonio inmobiliario dentro do imposto ás grandes fortunas. Tamén elimina a bonificación do 40 % das rendas de alugueiro no Imposto de Sociedades, agás cando se trate de alugueiros “asequíbeis” segundo o índice de referencia. Ademais, as novas adquisicións para alugueiro deberán axustarse a ese índice, o que frearía a compra especulativa masiva.

A filosofía é clara: quen fai negocio coa vivenda debe contribuír proporcionalmente ao dano social que provoca. E quen ofrece alugueiros xustos, debería ter incentivos reais, non castigos. É un cambio de paradigma que apunta a desmontar a lóxica do beneficio sen produción, tan típica do capitalismo inmobiliario español.

🏙️ Regulación do alugueiro turístico

Outro dos piares da proposta é a regulación dos alugueiros turísticos, que xa representan preto do 10 % do mercado segundo o Banco de España. SUMAR propón que todos os contratos de duración igual ou inferior a 30 días se consideren turísticos, evitando así o uso fraudulento desta modalidade para esquivar a lei. Tamén propón aplicarlles un IVA do 21 %, rematando co trato fiscal privilexiado de plataformas como Airbnb.

Ao mesmo tempo, o Rexistro Único de Arrendamentos pasaría a ter rango de lei, con réxime sancionador, reforzando así o control sobre o alugueiro de curta duración.

Para cidades como Vigo, Compostela ou A Coruña, onde o crecemento das vivendas turísticas expulsou veciñanza e distorsionou o mercado, esta medida podería ter un impacto inmediato se se aplica con rigor.

⚖️ Fortalezas e riscos

As virtudes son evidentes:

Ataca o corazón da especulación. Introduce criterios de xustiza fiscal. Recoñece a vivenda como dereito e non como mercadoría. Intenta regular o turismo que depreda o tecido urbano.

Mais tamén hai riscos e interrogantes:

A competencia autonómica e municipal podería limitar a eficacia dalgunhas medidas. Sen un rexistro de propiedade transparente, o imposto ás grandes fortunas pode quedar en nada. A resistencia xurídica e política do sector inmobiliario será feroz. Se non se acompaña dun forte parque público de vivenda, pode reducirse a un xesto simbólico.

Hai ademais un perigo coñecido: cando se tocan os intereses do capital inmobiliario, este responde retraendo a oferta, encarecendo outros segmentos ou refuxiándose en buracos legais. SUMAR deberá prever esa evasión e dotar a Administración de medios reais para fiscalizar e sancionar.

🏠 Cara a un novo pacto social pola vivenda

A proposta de SUMAR é un paso na boa dirección, mais insuficiente se non vai acompañada dun plan de vivenda pública e cooperativa a gran escala. A vivenda non pode seguir sendo o refuxio do capital financeiro nin o fogar dos beneficios parasitarios. Debe volver ser o que sempre foi: un dereito humano e un ben común.

Os rendistas non producen riqueza: parasítana. É hora de que quen vive de especular coa necesidade básica de ter un teito asuma a súa responsabilidade fiscal e social. Se non, seguiremos pagando todos a renda dun país que traballa, mentres uns poucos viven de cobrarlle o dereito a existir.

A “xeración inquilina” fronte á “xeración casera”: vivir de alugueiro en España é pobreza garantida

O alugueiro converteuse hoxe en España nun dos principais mecanismos de empobrecemento da poboación e motor da desigualdade social. Mentres os prezos das rendas subiron un 77% na última década, os ingresos dos fogares apenas medraron un 33% . É dicir: os alugueiros soben dúas veces e media máis rápido que os salarios.

Este abismo deu lugar a unha fractura social cada vez máis fonda: a chamada xeración inquilina, que malvive pagando boa parte dos seus ingresos en alugueiro, fronte á xeración casera, que acumula propiedades e extrae rendas crecientes. Hoxe, preto do 20% dos fogares vive de alugueiro, e un 9,5% de fogares actúa como arrendadores . É unha transferencia de riqueza en toda regra: os que menos teñen financian, cada mes, a acumulación patrimonial dos que máis teñen.

Inmobiliarias: a “garda pretoriana” do negocio

Un dos datos máis contundentes que achega Palomera é o papel das inmobiliarias. Longe de profesionalizar o sector, funcionan como unha auténtica “garda pretoriana” que blinda os intereses dos caseros e impide un trato directo e honesto entre quen aluga e quen precisa un fogar.

• En Barcelona, están presentes no 75% dos alugueiros; en Madrid, no 34%, pero subindo con forza .

• Onde interveñen, a experiencia das inquilinas é peor: máis conflitos, máis subas abusivas, máis discriminación no acceso.

• O 63% das persoas que tratan con inmobiliarias non está satisfeita coa súa vivenda, fronte ao 51% das que tratan directamente co propietario.

• Os inquilinos con inmobiliaria sofren máis subas: un 68,8% en Barcelona, fronte ao 45,7% dos que teñen trato directo .

• Ademais, estenden prácticas abusivas como o cobro ilegal de comisións, malia que a Lei de Vivenda de 2023 o prohibe.

As inmobiliarias non son un servizo neutral: son un muro que garante que cada contrato sexa un negocio redondo para caseros e portais, e un pozo de inseguridade para as familias.

A imposibilidade do soño da propiedade

Outro mito que caeu é o de que a maioría acabará comprando ou herdando unha vivenda.

• O 70% dos inquilinos de Madrid e Barcelona non espera herdar nunca unha casa .

• A maioría tampouco cre que poida comprar: compiten contra investidores e multipropietarios que mercan ao contado (ata o 60% das operacións), moitas veces dende o estranxeiro.

• Os grandes propietarios —aqueles con máis de 10 vivendas— aumentaron un 20% na última década.

En resumo: a propiedade concéntrase cada vez máis, e a maioría social queda atrapada no alugueiro perpetuo, sen saída posible.

Desigualdade estrutural

Os datos son demoledores:

• A renda media dos fogares inquilinos é de 22.183 € anuais.

• A dos fogares caseros acada 46.725 € anuais, máis do dobre .

• Mesmo sen contar as rendas do alugueiro, os caseros xa son o grupo de maior renda do Estado.

Isto significa que o alugueiro é un mecanismo de transferencia regresiva: dos que menos teñen cara aos que máis acumulan. Un auténtico imposto á pobreza, privatizado e legalizado.

Que facer?

As propostas están enriba da mesa, e tanto o informe do IDRA como Palomera son claros:

1. Contratos indefinidos por defecto, como no resto de Europa.

2. Regulación real de prezos, vinculada ás rendas dispoñibles, con sancións efectivas.

3. Frear a acumulación de vivenda: impostos progresivos a grandes patrimonios, limitación da compra a non residentes e uso social da vivenda da SAREB.

4. Acabar co poder das inmobiliarias, que funcionan como intermediarios parásitos.

Conclusión

En España, vivir de alugueiro é vivir sometido a unha lóxica de espolio legalizada. O alugueiro non é só un mercado: é unha máquina de desigualdade social. E no seu corazón están as inmobiliarias, esa “garda pretoriana” que defende con uñas e dentes o beneficio dos caseros fronte ao dereito das maiorías.

Recuperar a vivenda como dereito implica desfacer esta alianza entre caseros, inmobiliarias e portais. Non é un problema técnico, senón político: decidir se seguimos permitindo que o fogar sexa un negocio para uns poucos, ou se o recoñecemos dunha vez como o que é: un dereito humano fundamental.

Únete o SindicatoInquilinasVigoTui_BM

A.Telmo

Comunicado de apoio da Plataforma Cívica de Vigo pro Palestina á Flotilla da Liberdade

Desde a Plataforma Cívica de Vigo pro Palestina queremos manifestar o noso total apoio e solidariedade coa iniciativa internacional Flotilla Sumud Global, impulsada polo Movemento Global para Gaza (GMTG), que partirá do Estado español o vindeiro 31 de agosto de 2025. Esta acción civil internacional, construída a partir do chamado das organizacións palestinas, ten como obxectivo rachar co criminal bloqueo marítimo a Gaza, visibilizar o xenocidio en curso, e abrir un corredor humanitario ante a inacción cómplice dos gobernos e institucións internacionais. Reunindo delegacións de máis de 44 países, a Flotilla Sumud constitúe un acto de desobediencia civil global e unha acción concreta de solidariedade internacionalista que pon o corpo, a voz e as vontades de milleiros de persoas e organizacións ao servizo da liberdade do pobo palestino. Desde Vigo, adherímonos á convocatoria impulsada polos compañeiros e compañeiras de GMTGGaliza, e chamamos ás entidades sociais, sindicais e políticas da nosa contorna a participar nas concentracións previstas para o 30 de agosto, Reafirmamos a nosa convicción de que a unidade na loita solidaria e a acción descentralizada nos territorios son ferramentas imprescindíbeis fronte á barbarie colonial sionista, e reafirmamos o noso compromiso activo con todas as iniciativas que, como esta flotilla, contribúen a manter os ollos abertos sobre Gaza e Cisxordania. Porque non hai paz sen xustiza. Porque o silencio mata. Porque Palestina vive nas nosas loitas. Desde Vigo até Gaza, sumámonos á flotilla da dignidade. Plataforma Cívica de Vigo pro Palestina1 Vigo, agosto de 2025

1Comisión Cidadá pro Palestina, CC.OO., UGT, Esquerda Unida, Podemos, Movemento Sumar Galicia, Recortes Cero, Alianza Verde, Amnistía Internacional, Asociación Cidadá Fernando Hoyos, Amigas da Terra, Parroquia Cristo da Vitoria, Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública, Foro Cívico, Colectivo Cultural Pertenza, Diem25, Un Mundo sen Guerras e sen Violencia, MODEPEN, Foro Socioeducativo Os Ninguéns, Verdes-Equo, Ollo do Furacán, Colectivo Rexurdir, Distopías 18, Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde, Sindicato de Inquilinas.

Asemblea Benvida

🔑 O mercado do alugueiro disparouse: en dez anos subiu un 77%, mentres que as rendas dos fogares só creceron un 33%.

👉 Isto significa que o alugueiro medrou 2,3 veces máis ca os ingresos da xente.

💥 Chegou a hora de dicir basta. Ante o abuso, autoorganización.

Recollemos a tradición das loitas históricas polo alugueiro e as máis recentes polo dereito á vivenda.

🏠 Comezamos a construír o Sindicato de Inquilin@s, unha ferramenta para defendernos, organizarnos e conquistar xustiza habitacional.

Porque só coa loita, a unidade e o apoio mutuo podemos equilibrar a balanza fronte aos propietarios.

✊ Se tocan a unha, tócanas a todas.

📅 Ven e acode á Asemblea de Benvida

📍 Mércores 27 de agosto – 19:30h

📌 CSA Nubeira, Rúa Pizarro 6, Vigo

Da loita dos ecuatorianos contra a banca á necesidade dun sindicalismo de vivenda popular

por A Telmo

Antes de que a PAH se fixese coñecida, houbo un precedente pouco lembrado: a loita de centos de familias ecuatorianas contra a banca en España. Chegaron nos anos 2000, fuxindo da crise e da dolarización no seu país, e moitas accederon a hipotecas durante a burbulla inmobiliaria. As condicións eran abusivas: intereses variables, cláusulas opacas e ausencia de dación en pago.

Cando chegou a crise de 2008, o desemprego deixou a moitas sen poder pagar. A resposta foi exemplar: protestas diante das sucursais, negociacións colectivas e viaxes a Quito para denunciar a complicidade das entidades españolas. Aquela experiencia, xunto coa doutras comunidades migrantes, sementou o terreo para o nacemento da PAH. Moitos dos primeiros desafiuzamentos parados contaron coa súa participación e coa súa capacidade organizativa.En resumo: a loita dos ecuatorianos en España contra a banca foi o xerme invisibilizado do que logo sería a PAH. Foi unha loita marcada pola solidariedade comunitaria, a presión directa ás entidades e a denuncia pública das leis hipotecarias españolas.

Hoxe, cando falamos de sindicalismo de vivenda de SindicatDasInqulinas debemos lembrar esa raíz: foi unha loita popular, sen filtros ideolóxicos previos, que uniu a quen sufría a mesma inxustiza. Ese é o camiño que debemos preservar: movementos amplos, enraizados na xente común, que non esquezan a banca e o capital como corazón do problema e que poñan a solidariedade e o apoio mutuo no centro da nosa forza colectiva.

A.Telmo