As orixes da PAH (Plataforma de Afectados pola Hipoteca de Vigo, Mos, Tui, Baixo Miño e Redondela) remóntanse a outubro de 2011,meses antes nacéra en TUI , cando unha crecente inxustiza estaba a producirse, non só en Galicia senón tamén no resto de España, debido ás execucións hipotecarias que estaban a deixar milleiros de familias sen fogar e nunha situación precaria xa que, non só quedaban sen a súa casa, senón que ademais apandaban na maioría dos casos cunha débeda económica imposible de afrontar; ao mesmo tempo, vían impotentes como os Servizos Sociais lles quitaban os seus fillos por non ter un fogar adecuado para mantelos, sendo os meniños as testemuñas do drama familiar. A PAH nace coa finalidade de loitar contra esta inxustiza social axudando a aquelas familias que, por razóns alleas á súa vontade, se viron nunha situación complicada que afecta a todos os niveis da súa vida: persoal, familiar, social, económico…
Os métodos de loita da PAH consisten na mediación cos bancos para tentar conseguir que as persoas afectadas non perdan a súa casa e, no caso de poxa, loitar porque lles concedan un alugueiro social; a presión exercida sobre os Concellos para pedirlles que se sitúen respecto da Iniciativa Lexislativa Popular para a dación en pagamento, a paralización dos desafiuzamentos e o alugueiro social, para que aproben mocións declarándose activos contra os desafiuzamentos e creen comisións mixtas para tratar o asunto; e finalmente as protestas perante os bancos para deixar patente, non só aos poderosos senón ao pobo, a importancia de traballar unidos para lograr virar a situación, a unión para tratar de cambiar as leis e facelas favorables ás familias afectadas.
Dende o inicio da crise, en 2007-2008, foron xa 400 mil as familias que sufriron unha execución hipotecaria; moitas delas lograron ficar na súa casa grazas á presión exercida polas diferentes PAH que actúan por todo o estado. Moitas outras tiveron que abandonar o seu fogar co peto baleiro e o corpo arrasado. A PAH somos todos, persoas afectadas e non afectadas que en calquera momento poden perder o seu traballo e pasar a selo. É por iso que reclamamos a unidade do pobo para repeler o ataque ao ben tanxible máis esencial do ser humano, o seu lar, o seu recuncho, o seu refuxio. Porque a PAH é feita polo pobo, desde o pobo e para o pobo. Porque temos loitado, loitamos e non pararemos de loitar ata que cesen os abusos bancarios que, coa connivencia institucional e gubernamental, están literalmente rompendo familias e abocándoas á exclusión social, cando non á morte. Porque todos xuntos vamos ser quen de acabar con este xenocidio financeiro perverso, inxusto e cruel. Que lembren a nosa premisa: ‘Se non nos deixan soñar, non os deixaremos durmir’.
Palabra da PAH
Introducción do libro da PAHVigoTui-BM 6 anos de Loita (Proxima aparición )


