Etiqueta: FolgaAlugueres.

Organizar o poder inquilino, organizar a folga de alugueiros

A vivenda convertiuse no medio de enriquecemento duns poucos a costa do empobrecemento das inquilinas. O alugueiro afóganos economicamente, impídenos ter un fogar estable e seguro, lévase por diante as nosas vidas e a nosa saúde mental. Pero rematouse normalizar esta situación: decidimos unirnos para cambiar o sistema rendista. O pasado 13 de outubro deixamos claro que estamos fartas do rendismo e dos políticos e gobernos que o sosteñen. Non imos esperar máis.

Non imos pagar cincocentos euros por un cuarto de merda. Non imos marcharnos da casa porque queiran facer pisos turísticos ou porque un fondo voitre comprou o noso bloque. Non imos aceptar cláusulas abusivas, vivir con mofo nin tolerar que non repare a caldeira. Non imos aceptar máis abusos.

O pago das nosas rendas sostén o sistema rendista cada mes. Se nos organizamos, temos o poder de paralizar este sistema e forzar os rendistas a negociar directamente con nós. Desde o Sindicato utilizamos nestes anos distintas estratexias de presión baseadas na acción colectiva, a denuncia pública, o control sobre a nosa vivenda ou a ofensiva xudicial, conseguindo gañar conflitos, paralizar expulsións, renovar contratos, eliminar cláusulas abusivas ou recuperar fianzas retidas inxustamente. Agora damos un paso máis aló. Imos utilizar a nosa ferramenta máis poderosa: a retención da renda. E, por suposto, imos baixar os alugueiros.

A folga de alugueiros consiste en deixar de pagar as rendas como medida de presión, como último paso nun conflito onde tamén utilizamos o resto de ferramentas sindicais de presión. Existen diferentes estratexias adaptadas ás características de cada conflito (segundo o tipo de rendista, o número de inquilinas involucradas, o obxectivo que se quere conseguir, etc.). Algúns exemplos son os seguintes:

Deixar de pagar a renda ata conseguir o cumprimento das obrigas de mantemento e habitabilidade (reparación de caldeiras, mofo, ascensores, etc.).

Deixar de pagar parte da renda asociada a cláusulas abusivas no contrato, que os grandes rendistas usan para subir os prezos.

Negarse a pagar unha subida abusiva tras o fin do contrato, pagando o prezo anterior (folga parcial).

Negarse a abandonar a casa tras o fin do contrato porque non a queren renovar, impedindo que o casero suba o prezo para obter máis rendas.

• Folga de alugueiro a un multiarrendador: deixar de pagar colectivamente a renda para conseguir unha baixada de prezo ou outra mellora.

Autorredución do prezo do alugueiro, deixando de pagar parte da renda dentro dunha campaña colectiva.

A desobediencia inquilina comezou, e xa non temos medo dos nosos caseros: rematouse facer negocio coas nosas casas. Sabemos que a organización e a acción colectiva son as únicas que poden conseguir cambios reais.

Cada tipo de folga e desobediencia ten as súas dinámicas, riscos e accións específicas, pero todas comparten o mesmo propósito: cuestionar o sistema rendista, acumular poder inquilino e presionar colectivamente para lograr melloras. Cada folga é un paso cara ao noso obxectivo final: unha folga xeral de alugueiros que poña en xaque o sistema rendista. Unha folga xeral na que unha gran maioría social deixemos de pagar completamente as rendas.

A lexitimidade das folgas non depende só da súa base legal, senón sobre todo do seu apoio social e político. Se unha inquilina se rebela soa, ten un problema. Se miles de inquilinas nos organizamos, o problema téñeno os caseros.

¡A pola folga de alugueiros!

Queres unirte?

1. Enche o formulario “ÚNETE Á FOLGA”

2. Ven a unha sesión de benvida.

3. Participa nunha asemblea dos nodos territoriais.