Desconvócase a mobilización contra o goberno municipal de Vigo ante a posible cesión ás nosas demandas, que esperamos ver confirmada hoxe. Valoramos como moi positiva a campaña, pero non baixamos a garda.
Hai uns días anunciábamos a campaña #SubimosAsApostas, coa que subíamos a intensidade das nosas protestas, tal e como se acordou na nosa Asemblea. A campaña arremetía contra os bancos (que non poñían toda a vontade negociadora que lles esixíamos) e tamén contra as institucións.
Neste sentido afeamos ao Concello de Vigo a promesa incumprida de cedernos un local municipal. Vigo, o municipio máis poboado e onde residen máis afectadas, debía mollarse. O Concello tamén nos ocultaba as vivendas de titularidade municipal que están baleiras na cidade e que poderían ser ocupadas polas familias afectadas e persoas sen teito.
Así, convocamos unha protesta na Praza do Rei o vindeiro luns 1 de xullo, coincidindo co pleno municipal, pois queríamos deixar ben patente o noso enfado ante os incumprimentos do goberno da cidade. Pola contra, o Concello de Salceda de Caselas, todo un exemplo de colaboración coa PAH dende os nosos inicios (os concelleiros doan a súa paga extra a un fondo solidario que vai destinado ás nosas afectadas) cedeunos un local na mesma casa consistorial en apenas unhas semanas, que estreamos onte. Foi un éxito, e o Alcalde e os concelleiros, convidados pola PAH, acudiron á presentación cos activistas e afectados.
Algúns intres antes da presentación pública deste local, a PAH recibía a chamada do Concello de Vigo, que se comprometeu a ceder o local prometido nas próximas horas e a darnos a información sobre as vivendas baleiras que reclamábamos. Ante este xiro radical, e sendo conscientes de que suporía acadar os obxectivos propostas na campaña, a PAH decide desconvocar temporalmente a protesta convocada para o vindeiro luns no Concello de Vigo e esperar a ver se o goberno municipal cumpre a súa promesa. Isto non supoñe un cheque en blanco nin unha rendición: permaneceremos atentos á reacción do Goberno de Vigo, e volveremos convocar a protesta se non cumpre co acordado nas próximas horas.
PD: Podes ver a presentación do local de Salceda e a noticia sobre o cambio de atitude do Concello de Vigo.

